Enseada das Cortes (S. André de Teixido)

Varias oportunidades para descubrir a nosa xeoloxía, pendentes do tempo para facelo desde o mar

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on email
Email

O Nordés está a zoar con moita forza estes días, algo que eleva considerablemente o risco de incendios aínda que, pola contra, tamén se agradece cando se participa a pleno sol nas xeorrutas que hai programadas polo noso territorio.

Para esta fin de semana, de venres a luns, están previstas oito: as seis promovidas polos concellos do noso proxecto e dúas máis cun percorrido marítimo organizado pola empresa de turismo activo Rutas Cedeira. Porén, o desenvolvemento destas últimas está condicionado á situación do mar por causa do vento precisamente. Desde a empresa indícannos que ata un ou dous días antes das saídas organizadas -o venres e o sábado pola tarde- non poderán confirmar o embarque nun dos itinerarios máis espectaculares que se poden facer pola zona.

Para os demais, os de terra, cómpre non demorarse moito a reservar, xa que hai dous nos que só é posible inscribirse en lista de agarda e os outros catro están a piques de completarse.

VENRES 27 DE AGOSTO

Xeorruta do Granate 
10:00 – 16:00h
Cedeira
Gratuíta

A xeorruta do granate discorre por un pequeno sendeiro de pescadores dende o santuario de Santo André ata a enseada das Cortes, onde se observa unha ampla variedade de rochas moi rechamantes tanto pola súa cor como pola súa textura, así como un salientable número de estruturas xeolóxicas, que poñen de manifesto a intensa deformación que afectou a esta rexión hai 350 millóns de anos. Esta ruta xeolóxica permitirá descubrir unha das zonas máis descoñecidas do litoral de Cedeira.

As inscricións no itinerario deben facerse a través deste formulario: https://goo.gl/tZVqIV

Para participar nesta ruta hai un primeiro encontro na Oficina de Turismo de Cedeira ás 9:30h, aínda que as persoas con praza confirmada tamén poden acudir ao punto de saída, no aparcadoiro de Santo André de Teixido.

Xeorruta marítima (cancelada)
17:00 – 19:00h
Peirao vello de Cedeira (ao pé da Cruz Vermella)
50€

Ruta marítima organizada pola empresa de turismo activo Rutas Cedeira. Partindo do peirao vello de Cedeira percórrese a costa do Complexo Xeolóxico do Cabo Ortegal até Os Aguillóns descubrindo como se formaron os cantís máis altos da Europa continental e tamén outras peculiariedades da paisaxe que, vistas desde o mar, cobran unha nova dimensión. As reservas deben efectuarse no teléfono 722 615 382. Prezo: 50€, incluído seguro. As saídas están condicionadas ao estado do mar por causa do forte Nordés que zoa estes días.

 

SÁBADO 28 DE AGOSTO

Xeorruta das praias negras (prazas completas)
10:00 – 16:00h
Cedeira
Gratuíta
Esta ruta xeolóxica organizada polo Concello de Cedeira permite coñecer a que está considerada como a única praia de area negra non volcánica do noso planeta. Pero, sen dúbida, o emprazamento desta praia de Teixidelo -aos pés dos cantís máis altos da Europa continental- fan desta zona un lugar de paisaxes incribles e cheo de contrastes. Ao longo da ruta tamén poderán ollarse a fervenza ou a falla de Teixidelo, unha estrutura xeolóxica que discorre por un fermoso val de orixe glaciar.

Prazas cubertas, aínda que é posible inscribirse na lista de agarda por se se producisen baixas. Hai que facelo en liña neste formulario https://goo.gl/6d3qJ0

A saída pode facerse desde a Oficina de Turismo de Cedeira ás 9:30h -subindo en coche até Teixidelo- ou ben acudir directamente ao punto de encontro, no cruceiro que queda a man esquerda subindo desde Santo André cara a Herbeira. Ambos puntos están localizados neste mapa.

Xeorruta marítima (pendente das previsións meteorolóxicas)
17:00 – 19:00h
Peirao vello de Cedeira (ao pé da Cruz Vermella)
50€

Esta fin de semana a empresa Rutas Cedeira tamén ten intención de saír o sábado pola tarde para facer o itinerario xeolóxico por mar. Porén até un ou dous días antes non poderá confirmarse a viaxe, á espera do que indiquen as previsións sobre o estado do mar por causa do Nordés.

 

DOMINGO 29 DE AGOSTO

Xeorruta por Mina Piquito 
Moeche
10:00-11:50h  (Grupo 1)
12:10-14:00h  (Grupo 2)
10€
Trátase dun xacemento de cobre que se explotou até finais dos anos 60 e que hoxe constitúe un dos espeleotemas máis rechamantes do noroeste peninsular. Nas galerías aínda hai restos da actividade mineira -vías, trabes, etc.- pero o que máis destacan son as estalagmitas e estalactitas de azuis e verdes de grande viveza.

Esta ruta está organizada polo Concello de Moeche e ten un custe de 10 euros. Nela, por cuestións de seguridade, só poderán participar maiores de 11 anos. O de Mina Piquito é o percorrido xeolóxico máis curto de todos cantos se ofrecen este verán. A entrada na mina farase en dous grupos, un a iso das 10:00h e outro a partir das 12:10h.  No momento de publicar esta información había prazas dispoñibles en ambos. As reservas poden facerse neste formulario:  https://goo.gl/9oVX8Y

Xeorruta do Litoral
16:30 – 20:00h
Cedeira
Gratuíta

Este paseo xeolóxico pola contorna do porto de Cedeira lévanos a coñecer lugares cun salientable patrimonio xeolóxico, así como a deformación das rochas e a xeomorfoloxía mariña e fluvial da zona. Pero tamén haberá tempo para visitar o xacemento arqueolóxico de Punta Sarridal, emprazado nunha zona dende onde se pode ollar toda a ría de Cedeira.

O itinerario ten aínda prazas dispoñibles -no momento de elaborar esta información- e as reservas gratuítas poden facerse a través deste formulario: https://goo.gl/ZS6ndG

 

LUNS 30 DE AGOSTO

Xeorruta dos Aguillóns
10:00 – 14:00h
Cariño
Gratuíta

Nesta xeorruta organizada polo Concello de Cariño coñecerase de primeira man a maior concentración de ecloxitas de todo o planeta. Unhas rochas moi singulares, formadas a moitos quilómetros de profundidade. Pero tamén haberá tempo para descubrir as formacións xeolóxicas que aparecen en San Xiao do Trebo, orixinadas neste caso pola fusión doutras rochas.

A saída do percorrido está posta para as 10 da mañá de diante da Casa do Concello. As inscricións hai que facelas a través deste formulario en liña:  https://bit.ly/3dm2ohg

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on email
Email

Comentar