IMG_6822

Varias xornadas itinerantes afondarán no coñecemento social do Proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal

Facebook
Twitter
Email

Os concellos de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño van ser o escenario de 7 xornadas informativas sobre como a obtención do distintivo de xeoparque outorgado pola UNESCO podería ser un axente dinamizador do turismo e do desenvolvemento sostible do territorio. O obxectivo das sesións que se desenvolverán en cada municipio é facilitar información e familiarizar co proxecto  a todo o tecido social. Os encontros empezarán en Cerdido o martes que vén e percorrerán sucesivamente todos os concellos implicados ata empezos do mes que vén. En San Sadurniño a cita será o 3 de decembro ás 19.00h. na Casa da Xuventude. Iso si, a participación require inscrición previa a través deste formulario.  O calendario forma parte das accións de promoción e dinamización do proxecto impulsadas pola Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol co apoio da Deputación da Coruña.

Os 7 concellos, que seguen a traballar no contido do proxecto de xeoparque do Cabo Ortegal,  van levar a cabo estas xornadas como un paso máis nos preparativos da candidatura que se lle quere presentar á UNESCO e que debe ir avalada por un proceso previo de dinamización e participación social. De aí que o convite para acudir ás charlas itinerantes se lle lance a entidades, asociacións, empresas, colectivos e, en xeral, a calquera habitante do territorio.  

Haberá unha sesión por concello e en cada unha delas achegaránselle á poboación local coñecementos sobre que é un xeoparque e cales son os beneficios da súa implementación no territorio, ademais de expoñer os casos de éxito doutros xeoparques que xa  están en funcionamento. 

Esta acción enmárcase como unha das máis relevantes a nivel social, pois o que se busca é que o territorio conecte co proxecto. Neste sentido, o eixo central de todas as charlas será a explicación da estratexia de desenvolvemento que leva implícito este recoñecemento internacional. E é que un xeoparque ten como premisa fundamental a de contar cunha xeoloxía destacada -e a zona do Cabo Ortegal tena-, pero tamén require liñas de actuación que a poñan en valor por medio do seu coñecemento, da promoción turística, da investigación, da conservación ou da educación. Estratexias que, en todo caso, se han de deseñar pensando nun crecemento sostible.

As xornadas arrancan o vindeiro martes 12 de novembro, ás 19:00 horas, na Casa da Cultura de Cerdido. Continúan o mércores 13 en Valdoviño e xa, na seguinte semana, será a quenda de Moeche, Cariño e Cedeira. Pechan o calendario San Sadurniño e Ortigueira o 3 o 4 de decembro, respectivamente.

A inscrición é totalmente gratuíta, e non é obrigado que cadaquén acuda á charla do seu concello, senón que pode participar na que lle cadre mellor por horario ou proximidade. Para asistir hai que apuntarse antes a través deste formulario:  bit.ly/XornadasXeoparqueCaboOrtegal

Facebook
Twitter
Email

Deixa un comentario