O proxecto

Sete concellos, un plan

Ademais dos sete concellos implicados no proxecto, ao principio tamén se contaba coa entrada  das Somozas, que finalmente se desvinculou da iniciativa. Así, finalmente son 799 quilómetros cadrados de superficie e algo máis de 28.000 habitantes distribuídos en 57 parroquias e 1.211 entidades de poboación. Toda a zona caracterízase pola constante perda de habitantes, por un tecido económico que mira ao agro e o mar nos territorios do norte e que ten unha certa dependencia dos polos industriais de Ferrol, Narón e As Pontes nos municipios surorientais. As estratexias asociadas ao proxecto buscan tamén unha diversificación da actividade económica e o aproveitamento planificado dos recursos endóxenos e da innovación, aínda que sempre sen perder de vista a sustentabilidade.

Para saber máis

O ámbito xeográfico do Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal está definido polos límites dos concellos coruñeses de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, San Sadurniño, Ortigueira e Valdoviño. Son arredor de 799 km² de superficie (632 en terra e 167 de fronte marítima costeira) que, en boa parte, forman parte do chamado Complexo Xeolóxico do Cabo Ortegal, amplamente estudado pola ciencia especializada desde mediados do século XX.

A zona -especialmente o norte do ámbito do proxecto- é resultado do proceso da Oroxenia Varisca de hai 350 millóns de anos, algo do que falamos con máis detalle no apartado Xeoloxía. O caso é que na nosa zona existen catalogados 52 Lugares de Interese Xeolóxico dos que alomenos 6 teñen unha relevancia internacional. E iso débese á presenza de rochas e formacións únicas producidas polo lento proceso de nacemento e desaparición da grande cordilleira Varisca e polo movemento das placas tectónicas do planeta que aínda hoxe continúa.

A peculiariedade desta área reside en que aquí están na superficie rochas que habitualmente se encontran no manto da Terra, a máis de 70 quilómetros de profundidade. A ciencia xeolóxica ten no Ortegal un grande campo para investigar e ampliar o seu coñecemento sobre os cambios e momentos que viviu a Terra durante millóns de anos.

Agora, co Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal o que se pretende é ampliar ese saber levándoo fóra dos círculos especializados. Trátase de facer que o sustrato xeolóxico sexa coñecido e valorado en primeiro lugar polos arredor de 28.300 habitantes dos sete municipios implicados, pero tamén que se converta nun referente divulgativo e turístico para persoas do resto do mundo, sexan especialistas na materia ou sexan amantes de vivir experiencias diferentes.

O patrimonio xeolóxico, o patrimonio natural e paisaxístico, o patrimonio cultural material e inmaterial -construcións, tradicións, gastronomía, etc.- están intimamente ligados dentro do proxecto, xa que malia tomarse a xeoloxía como punto de arranque, o obxectivo que se persegue é o de alcanzar un desenvolvemento sustentable no territorio onde todos eses aspectos estean relacionados e coordinados baixo o paraugas do Xeoparque do Cabo Ortegal.

As orixes

Un dos aspectos que máis se valora para a consecución do selo de xeoparque da UNESCO é que as candidaturas se constrúan de abaixo arriba, é dicir, que nazan da iniciativa social e que despois, unha vez obtida a declaración, sexa a poboación quen desempeñe un papel protagonista no seu funcionamento.

No caso do proxecto do Cabo Ortegal xa se leva moito andado nese camiño. Quen propuxo a idea de converter a nosa zona en xeoparque foi a Asociación de Amigos do Parque Xeolóxico do Cabo Ortegal. Esta entidade creouse en 2015, aínda que xa funcionaba como colectivo desde tempo antes organizando saídas e rutas para descubrir a paisaxe e as peculiariedades xeolóxicas do Complexo do Cabo Ortegal. De feito, e en colaboración co Concello de Cedeira e do xeólogo Francisco Canosa, a asociación foi a primeira que se preocupou pola divulgación masiva do patrimonio xeolóxico da zona e por propoñer modelos de desenvolvemento sustentable baseados no xeoturismo. Ese labor complementouse a finais de maio de 2015 cun encontro cos alcaldes dos sete concellos de cara a alcanzar unha maior implicación institucional no proxecto.

A partir dese momento foron os municipios quen abandeiraron a iniciativa, ata que en 2018 se creou unha Comunidade Intermunicipal entre os propios concellos e a Deputación da Coruña, quen achegou financiamento para o comezo do desenvolvemento técnico do proxecto. A Comunidade configurouse como un ente sen estrutura propia presidido cada dous anos por cada un dos municipios.

Páxina en Facebook da Asociación de Amigos do Parque Xeolóxico do Cabo Ortegal


O-PROXECTO-SINATURA-CONVENIO-DEPUTACION
Sinatura do convenio coa Deputación de A Coruña
Xornadas sobre o proxecto do xeoparque

O seguinte paso para apuntalar a candidatura é a creación dunha asociación sen ánimo de lucro formada polos sete concellos que sexa a máxima responsable de todo o relacionado co proxecto e a encargada do cumprimento da estratexia. Os obxectivos da “Asociación para a xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal” son os seguintes:

  • A promoción do desenvolvemento sostible e equilibrado do territorio, con especial apoio dos seus valores xeolóxicos, naturais e culturais, mediante o desenvolvemento de accións e aposta en marcha de actividades que repercutan no beneficio do territorio.
  • A protección e conservaicón do patrimonio natural do territorio, facendo especial fincapé no seu patrimonio xeolóxico e a súa posta en valor como recurso, coa finalidade do desenvolvemento económico e social da súa poboación.
  • O fomento das ciencias da Terra nos ámbitos da investigación, a educación (regrada e non regrada) e difusión, e o impulso doutras ciencias naturais e ambientais.
  • A posta en valor, dinamización, recuperación e difusión do patrimonio cultural.
  • A promoción e realización de actividades vinculadas ao patrimonio cultural material e inmaterial -lingua, tradicións, costumes, oficios, memoria oral, creación artística, etc.-, dando prioridade a aquelas actividades directamente relacionadas co patrimonio xeolóxico, paleontolóxico e arqueolóxico.
  • O fomento da educación ambiental, con especial atención aos valores propios do territorio.
  • O fomento do turismo, especialmente o vinculado á natureza e á atención aos valores xeolóxicos, así como o turismo cultural, sempre dentro dun marco de sustentabilidade.
  • A mellora da calidade e a oferta turística do territorio.
  • A dinamización de actividades económicas compatibles cos recursos naturais e culturais do territorio, apoiando especialmente as iniciativas relacionadas cos produtos locais.
  • A promoción e o apoio ás accións de cooperación con outras entidades que poidan contribuír ao impulso dos fins da asociación.
  • O fomento do contacto e da relación con outras entidades de natureza análoga que teñan entre os seus fins a promoción e defensa dos recursos naturais e culturais, e nomeadamente da figura dos xeoparques.
  • A realización doutras actividades que promovan o desenvolvemento económico, social e ambiental do territorio dos concellos vinculados ao proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal.

Traballo en rede

O labor administrativo para dotar o proxecto dunha estrutura acompañouse doutras accións que responden en maior ou menor medida ás esixencias marcadas pola UNESCO para validar calquera candidatura, entre elas a de que toda a zona xa estea funcionando coma se fose un xeoparque incluso antes de obter a cualificación.
Así, no apartado de comunicación o proxecto dotouse dunha marca visual que identifica a iniciativa e que resume a transversalidade dos obxectivos: xeoloxía, mar, agro, turismo, cultura, etc.
Outro aval imprescindible para a candidatura é o desenvolvemento de actuacións relacionadas tanto coa divulgación como coa participación social. Ese é o motivo de que, desde 2015, os concellos do proxecto promovesen xeorrutas polos seus respectivos territorios e de que se organizasen charlas e encontros co tecido social de todo o ámbito con dúas finalidades: potenciar o coñecemento dos recursos xeolóxicos e fomentar o apoio e implicación da veciñanza como axente activa na súa dinamización.
Por outra banda, os organismos encargados de filtrar o percorrido de dous anos polos que pasa calquera zona que aspire a ser xeoparque tamén valoran especialmente que os axentes implicados participen en foros e actividades de ámbito estatal ou internacional e mesmo que organicen os seus.
Este eixo de traballo levouse á práctica con visitas a outros xeoparques mundiais, como por exemplo o Geoparkea da Costa Vasca, o Xeoparque de Sobrarbe (Huesca) ou o burgalés de Las Loras onde o Cabo Ortegal participou nas V Xornadas Abertas do Foro dos Xeoparques españois. Ademais, en xuño de 2019 tamén se organizou a I Xornada sobre o Proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal, que contou con relatorios doutros xeoparques e mesas de participación social nas que achegar ideas e propostas que se deberían incluír nas estratexias do proxecto.

Unha viaxe ao interior da Terra

© Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol