_DSC9082_Original ratio_2500x1668_U_80

Concellos, Deputación, Xunta e Estado escenifican o seu apoio ao proxecto de xeoparque

Facebook
Twitter
Email

Terceiro día de avaliación do noso proxecto por parte da Unesco, que hoxe volveu á zona costeira para completar unha xornada máis curta en canto a visitas de campo pero igualmente densa en canto a contido xeolóxico, xuntanzas con entidades e persoal técnico e análise pormenorizada de ata que punto cumprimos os requisitos para sermos un Xeoparque Mundial. O intinerario de campo rematou no faro do Cabo Ortegal nun acto informal -con foto de familia incluída- ao que asistiron os rexedores e a rexedora dos sete concellos promotores, o vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, e o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, ademais doutros representantes institucionais que refrendaron, outra vez, o seu apoio e adhesión ao proxecto.

O percorrido de Chris Woodley-Stewart e César Alejandro Goso comezou na praia do Picón, no leste costeiro de Ortigueira, para ver os fenómenos xeolóxicos do vulcanismo, que se reproducen desde alí até Espasante, pasando pola Pena do Coitelo e Pena Furada, que tamén se divisaron no percorrido feito polos avaliadores que, ademais, é coincidente coa Xeorruta dos Volcáns e coa Xeorruta das Lavas.

No traxecto, que rematou na praia de San Antonio, víronse xoias como a coincidencia en só uns metros de mármores, serpentinas e outros materiais orixinados en distintas condicións de presión e temperatura e a distintas profundidades, que se xuntaron nese punto como unha mestura caótica de rochas xurdida dos movementos tectónicos que pecharon o océano Rheico hai arredor de 400 millóns de anos.

Xa no arranque do día, a misión avaliadora foi recibida polo alcalde, Juan Penabad e o concelleiro ortegano Juan Manuel Cao. Despois da parada en Espasante, o grupo trasladouse á vila para manter un encontro coa técnica de Turismo, Milagros Fraga, co coordinador do Festival de Ortigueira, Alberto Balboa, e co director da Banda de Gaitas de Ortigueira, Rodrigo López. De feito, a banda ofreceu tres pezas á chegada dos avaliadores e César Goso -que no seu país forma parte dunha “murga”- mesmo se sumou a ela tocando ao bombo a Muiñeira de Chao.

No interior do Concello houbo unha pequena visita á exposición “Ortigueira. Vila Afonsí”, en conmemoración do 800 aniversario do nacemento do rei Afonso X “O sabio”, relacionado co municipio a través de Pedro “o galego”, franciscano que foi confesor do monarca e que conseguiría para a vila grandes privilexios reais na Idade Media.

No cabo da mostra celebrouse unha xuntanza informal para explicar distintos eventos culturais e deportivos que se desenvolven tanto neste concello como nos de Cariño e Cedeira, comentados neste caso por Jonathan Miranda e Enrique Vázquez, responsables de Cultura en cadanseu municipio.

Antes de abandonar o edificio tamén se visitou o Teatro da Beneficencia, un dos espazos máis destacados que alberga a Casa do Concello de Ortigueira.

Tralo encontro sociocultural, a seguinte parada da misión foi o miradoiro da Miranda. Alí agardaban o escritor, divulgador ambiental e ornitólogo Antonio Sandoval e Xan Rodríguez Silvar, profesor xubilado, tamén divulgador ambiental, ornitólogo, gaiteiro de sona e un dos fundadores da Sociedade Galega de Historia Natural.

Ambos forman parte do Comité Científico do Proxecto de Xeoparque e son bos coñecedores da riqueza natural que albergan os seus case 800 Km2 de terra e mar, ademais de ser firmes defensores dun modelo de desenvolvemento local que pode e debe combinar a preservación dos ecosistemas e da paisaxe co seu aproveitamento racional.

E para mostra dese concepto, o que fai a Comunidade de Montes de Landoi. O seu presidente, Luís Ángel Penas explicou que eles aplican un modelo de monte multifuncional, apostando polo aproveitamento forestal sen necesidade de acudir ao eucalipto, poñendo en valor o potencial micolóxico e gandeiro e reinvestindo en cultura, deporte e melloras na parroquia unha boa parte do que renta o monte e, principalmente, a canteira de dunita que colle parte do monte veciñal.

A visita á Miranda, desde onde se ve en toda a súa extensión a ría de Ortigueira, foi todo un descubrimento para Woodley-Stewart e Goso. Como especialistas na materia coñecían de sobra o que son as rías e como se orixinaron -vales estruturais que quedaron asolagados pola suba do nivel do mar-, pero ata hoxe, coa panorámica de 180º que ofrecen os 400 metros de altitude do miradoiro, non foran quen de imaxinar como eran en realidade nin tampouco a impresión que, para ben deles e do proxecto, lles acabaría causando.

O miradoiro foi o penúltimo lugar de interese xeolóxico que visitaron os avaliadores. Antes de xantar achegáronse á case centenaria Conservas La Pureza. Os irmáns Docanto son a terceira xeración que fai da calidade das especialidades de peixe enlatado o seu principal valor. Iso e máis un concepto de empresa renovada que, malia manter invariable a súa imaxe, soubo adaptarse aos novos tempos abríndose ao turismo e diversificando a súa produción con conservas vexetais sen renunciar ao bo facer. En definitiva, un modelo de empresa fondamente ligada ao territorio e cun concepto plenamente aliñado cos obxectivos dun xeoparque.

Despois de xantar, os avaliadores achegáronse ao IES Cabo Ortegal para coñecer o proxecto Embaixadores do Xeoparque do Cabo Ortegal, deseñado polo seu alumnado dentro do programa europeo Erasmus+. A profesora Elisa Álvarez e a secretaria do centro, Beatriz Otero, comentaron en que consiste esta iniciativa, enfocada no coñecemento e na divulgación da riqueza xeolóxica da zona, pero tamén na preservación da cultura inmaterial.

Cinco das alumnas participantes -Natalia Colorado, Laura Iglesias, Ainoa Villar, Mónica Rodríguez e Carme Pita- falaron cos avaliadores sobre o traballo que se está facendo no instituto e ensináronlles dúas pezas audiovisuais producidas pola rapazada, unha en clave de humor e outra cun argumento máis profundo no que se enfía o alzhéimer coa pervivencia da tradición oral e musical.

Acto final no Cabo Ortegal

Preto das 16:00h, o persoal técnico do proxecto, os avaliadores, os representantes da UCM e o presidente da Asociación para a Xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal, José Miguel Alonso Pumar, subiron até o faro para pechar alí, cun acto informal, tres días de percorrido polo territorio.

No lugar que lle dá nome ao proxecto e que ademais está declarado como Geosite -lugar xeolóxico de relevancia internacional- por ser o maior afloramento mundial de ecloxitas (un tipo de rocha que só se atopa no límite superior do Manto terrestre e rara vez na superficie) fíxose unha foto de familia con todas as institucións que avalan a candidatura:

-Os concellos integrantes da asociación promotora: Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño representados -por esta orde- por José Miguel Alonso, Pablo Moreda, Benigno Galego, Beatriz Bascoy, Juan Penabad, Secundino García e Alberto González.

-A Deputación da Coruña, principal valedora económica do proxecto, representada polo seu Vicepresidente e responsable de Turismo, Xosé Regueira.

-A Xunta de Galicia, representada pola Conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez; a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; a delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros; e a Directora Xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo.

-O Goberno de España, a través da Delegación do Goberno en Galicia, representada polo seu titular, José Miñones.

No encontro, que supuxo unha nova mostra de apoio institucional ao proxecto, o presidente da entidade xestora agradeceulles aos avaliadores o seu labor e cordialidade, ao tempo que recoñeceu o esforzo e o traballo do persoal técnico, dos colectivos e da veciñanza do territorio que leva anos apostando porque Cabo Ortegal acabe sendo Xeoparque Mundial da Unesco.

Chris Woodley-Stewart e César Goso marcharán mañá mércores ao mediodía, despois de manter unha xuntanza final coa asociación e co persoal técnico implicado no proxecto. Nas próximas semanas elaborarán o seu informe ao respecto da candidatura.

Malia manter o segredo obrigado pola Unesco, tanto un coma o outro mostráronse sorprendidos pola paisaxe e pola “grande fortaleza” que supón a xeoloxía do territorio, ademais de destacar a unión acadada entre concellos e a implicación no proxecto do tecido social. O resultado da avaliación -que no caso de ser positiva deberá ser validada pola Unesco e ratificada pola ONU- podería coñecerse na primavera.

A difusión desta información encádrase no convenio de cofinanciamento do proxecto asinado entre a Deputación da Coruña e a Asociación para a Xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal.

Facebook
Twitter
Email

Deixa un comentario