Foto de familia trala presentación en FITUR

O 19 deste mes volveremos estar en Fitur

Facebook
Twitter
Email

A área de Turismo da Deputación da Coruña presentará na Feira Internacional de Turismo (FITUR) o proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal. Será o día 19 ás 14 horas na praza central do Pavillón de Galicia e, a diferenza do ano pasado, desta vez a presentación centrarase en destacar o territorio como destino turístico e patrimonial, co obxectivo de afortalar a súa candidatura á declaración oficial como Global Geopark por parte da Unesco.

Nun acto que estará acompañado por material audiovisual que mostra a espectacularidade das paisaxes de Ortegal, o vicepresidente e deputado de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, xunto co presidente do Consello de Dirección do proxecto e alcalde de Valdoviño, Alberto González, explicarán diante dun auditorio especializado os recursos e valores da zona para competir pola declaración oficial como xeoparque.

Nesta edición especial de Fitur marcada polas medidas preventivas, o público do acto estará composto polos alcaldes e a alcaldesa do territorio que buscarán na feira apoios á proposta, contactos con prensa especializada e axentes turísticos de especial interese para difundir e consolidar a candidatura, que neste ano 2021 tamén concorre aos Plans de Sustentabilidade Turística en destino.

“Fitur é unha plataforma especialmente acaída para promocionar un proxecto como o Xeoparque de Ortegal e, neste sentido, desde a Deputación da Coruña queremos aproveitar a oportunidade para presentalo publicamente e buscar tamén sinerxías e apoios que apoien e difundan o destino e a candidatura”, apunta Xosé Regueira que confía na potencialidade do territorio e na cooperación institucional que fixo que se deran pasos firmes na consolidación da iniciativa.

(Fonte: Dacoruna.gal)

Facebook
Twitter
Email

Deixa un comentario