praweb

Asociacións e colectivos participarán no proxecto de xeoparque por medio da figura da Entidade Amiga

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on email
Email

Este martes á tardiña finalizou en Ortigueira a rolda de mesas sectoriais promovida pola Asociación para a xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal co obxectivo de implicar no proxecto aos centros de ensino e aos distintos colectivos sociais, culturais e económicos do territorio. Nos encontros, concibidos como un punto de intercambio de ideas, volveuse repasar o contido e a trascendencia do proxecto, solventáronse dúbidas e, máis que nada,  recolléronse  propostas sobre a maneira de darlle o pulo definitivo ao Foro de Participación Local como órgano de colaboración entre asociacións e entre as asociacións e o propio proxecto. Trátase de crear unha rede de traballo dinámica e coordinada que se fará efectiva no foro a través da figura da “Entidade Amiga”, prevista nos estatutos da asociación xestora. Como paso previo, a Asociación de municipios facilitoulles un formulario en liña pensado para coñecer mellor o funcionamento e intereses de cada asociación, dándo de prazo para cumprimentalo ata este 25 de abril. Tamén se habilitou un cuestionario orientado aos centros de ensino, cuxa participación é fundamental para o éxito do proxecto.

O Foro de Participación Local é unha das catro patas que deben soster a candidatura do Cabo Ortegal a Xeoparque Mundial da UNESCO e que despois, se se obtén o distintivo internacional, máis terá que dicir sobre o futuro desta iniciativa de desenvolvemento que abrangue 7 municipios e arredor de 28.000 habitantes.

E é que para ser xeoparque e para superar as reválidas que fai a UNESCO cada catro anos fai falla a máxima identificación social co proxecto e todo o que este significa en canto a coñecemento  e dinamización sostible dos seus valores xeolóxicos, científicos, educativos, ambientais, culturais, patrimoniais, turísticos e económicos.

Neste sentido, a Asociación para a xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal organizou cinco mesas sectoriais ás que convocou a todas as entidades -veciñais, culturais, deportivas, económicas, etc.- e centros de ensino do territorio, co obxectivo de coñecer en detalle como están funcionando e favorecer que se convertan en parte activa do proxecto.

Nos encontros celebrados en Cariño, Moeche, Valdoviño, Cedeira e Ortigueira participaron 85 persoas en representación de 54 colectivos e centros escolares. En todas as xuntanzas volveuse repasar en que consiste a iniciativa que opta neste momento ao recoñecemento da UNESCO, centrando as sesións de traballo en ampliar información, recoller inquedanzas, fomentar o coñecemento mutuo das entidades participantes e, en último caso, sentar as bases para a cooperación entre elas arredor do futuro xeoparque e acadar unha colaboración fluída público-privada na súa xestión.

Un obxectivo este último que se levará á práctica a través do Foro de Participación Local -estruturado nas mesas social, económica e escolar- ao que os colectivos poderán adherirse como “Entidade Amiga” sempre e cando teñan fins coincidentes cos do proxecto, estean legalmente constituídos e o soliciten formalmente por acordo do seu órgano de dirección.

A integración no Foro, que deberá ser aprobada pola asociación de municipios, non implica o pagamento de cotas, pero si requirirá certos compromisos, como por exemplo a exhibición do distintivo do Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal nas comunicacións de actividades, participar en xornadas e cursos formativos relacionados co proxecto, asesorar á asociación xestora en materias nas que as entidades sexan especialistas e, tamén importante, facer activismo como embaixadoras do xeoparque dentro e fóra do territorio.

Alén de reforzar o proxecto pola base -algo que a UNESCO mira con lupa á hora de conceder o distintivo Global Geopark-, ser Entidade Amiga tamén ten beneficios, entre eles o de crear sinerxias para levar adiante iniciativas conxuntas de todo tipo -culturais, ambientais, de posta en valor do patrimonio material e inmaterial, etc- e o de estar contribuíndo á implantación no territorio dun modelo de desenvolvemento social e ambientalmente sostible.

Durante o calendario de mesas sectoriais que remataron onte mesmo en Ortigueira, a Asociación para a xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal puxo en marcha un formulario en liña para asociacións e outro para centros de ensino coa finalidade de dispor de información sobre o seu funcionamento e ampliar a recollida de propostas sobre como artellar a estratexia de participación. O prazo para cubrir o formulario das entidades remata este 25 de abril, mentres que o dos colexios se manterá activo algún tempo máis.

Ademais tamén se publicou a proposta de protocolo de adhesión como “Entidade Amiga”, que inclúe todos os pasos que se deben dar e os documentos que cumprirá presentar para suscribir o acordo de colaboración entre o colectivo solicitante e a Asociación para a Xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal.

Descargas:
Proposta de protocolo “Entidade Amiga” (.pdf)
Proposta de protocolo “Entidade Amiga” (.docx)

Formulario-enquisa entidades sociais (Acceso a Google Forms)
Formulario-enquisa centros educativos (Acceso a Google Forms)

A difusión desta información encádrase no convenio de cofinanciamento do proxecto asinado entre a Deputación da Coruña e a Asociación para a xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal.

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on email
Email

Deixa un comentario