Os concellos e a Deputación apóianse na experiencia do Geoparkea para definir a candidatura do Cabo Ortegal

Facebook
Twitter
Email

Trala obtención de finanzamento para a candidatura do Xeoparque do Ortegal e a constitución do seu Consello de dirección, agora toca poñerse mans á obra para deseñar o plan estratéxico e de actuacións no territorio que deberán levarse a cabo antes incluso de optar á súa avaliación por parte da UNESCO. Para desenvolver o plan de acción, tanto a Deputación como os sete municipios que impulsan a candidatura decidiron aproveitar o coñecemento acumulado na posta en marcha do que nos queda máis preto, o Xeoparque da Costa Vasca, que se estende polos cantís de Mutriku, Deba e Zumaia. O Director científico do Euskal Kostaldea Geoparkea, Asier Hilario, visitará os puntos de maior interese xeolóxico da nosa comarca na compaña de persoal técnico e político do ente provincial e dos municipios. O obxectivo da visita é dobre: por unha banda obter recomendacións útiles para o proxecto do Ortegal e, por outra, obter unha orientación sobre as liñas mestras que deberá recoller o Plan director do xeoparque, cuxa redacción será licitada proximamente.

Os concellos da zona xa levan tempo mantendo contactos coa Geogarapen, a entidade xestora do Xeoparque da Costa Vasca. De feito, en marzo do ano pasado varios representantes municipais visitaron os municipios guipuscoanos de Deba, Zumaia e Mutriku para facerse unha idea sobre o funcionamento e o modelo de xestión dun xeoparque xa acreditado pola UNESCO.

Agora o Geoparkea devolve a visita para botar unha man na definición das fortalezas e liñas estratéxicas que deberán soster a candidatura do Ortegal. O xeólogo e director técnico do xeparque vasco percorrerá os principais puntos con valor xeolóxico da comarca entre o domingo e o luns, cunha apretada axenda que rematará o martes na Coruña cunha xuntanza de valoración e conclusións dos tres días de traballo polo territorio.

Neste sentido, a comitiva técnica percorrerá o domingo os concellos costeiros -Valdoviño, cedeira, Cariño e Ortigueira-, mentres que o luns a visita concentrarase nos municipios de terra adentro. Pola mañá está previsto achegarse ao Forgoselo e ver a creba da falla pola que discorre o río Castro. Pola tarde a viaxe achegarase ás minas de Cerdido e Moeche. Na metade do día, a iso das 12.30h., desenvolverase na Casa do Concello de San Sadurniño unha xuntanza á que asistirán os alcaldes e a alcaldesa dos sete municipios impulsores da candidatura.

O programa non só se centrará en ver o valor xeolóxico de toda a área do Ortegal, senón que tamén se abordará o potencial turístico -patrimonial, etnográfico, cultural e gastronómico- que necesariamente debe asociarse á estratexia de desenvolvemento do xeoparque. De feito, nos encontros técnicos tamén está previsto que participen varias entidades da zona que traballan no ámbito do desenvolvemento rural.

E é que os parques xeolóxicos teñen como finalidade ser un factor de desenvolvemento económico a través do turismo e doutras iniciativas que poidan beneficiarse deste recoñecemento internacional. No mundo existen 135 xeoparques e en Europa 62, dos que 11 están en España. No noroeste non hai ningún polo momento e o máis próximo é o da Costa Vasca.

A área xeolóxica do Ortegal abrangue 630 Km² de superficie dos municipios de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño (As Somozas desmarcouse desde o comezo do proxecto), onde o xeólogo Francisco Canosa -apoiado pola Asociación de Amigos do Parque Xeolóxico do Cabo Ortegal- localizou ata 52 lugares de interese xeolóxico e 5 sitios de relevancia internacional por atoparse neles formacións únicas ou case imposibles de ver en ningún outro lugar do mundo. Ese é o principal valor dunha zona onde se encontran praias de area vermella, raras praias de area negra como a de Teixidelo, a única no planeta -que se saiba- de orixe non volcánica, afloramentos de lava, granitos negros, restos glaciais, e rochas que habitualmente están a máis de 70 kilómetros de profundidade e que aquí poden observarse a simple vista.

A UNESCO non outorga a distinción de Xeoparque Global a partir dun programa escrito, senón que para presentar unha candidatura fai falla levar a cabo investimentos e actuacións que, posteriormente, son verificados pola organización dependente das Nacións Unidas. É máis, antes de chegar sequera á UNESCO é necesario que a candidatura pase polo filtro do Comité Español de Xeoparques, que só admite dúas propostas por ano e sempre que os proxectos reunan suficientes condicións de solvencia técnica.

En febreiro deste ano, a Deputación da Coruña e os sete municipios suscribiron un convenio coa finalidade de coordinar tanto a preparación da candidatura como as actuacións previstas no territorio, que se financiarán cunha achega provincial de 500.000 euros. A primeira que se prevé levar adiante é a licitación do Plan Director que sustentará toda a estratexia, coas miras postas en poder presentarlla á UNESCO o ano que vén.

Facebook
Twitter
Email

Deixa un comentario