MINAPIQUITO_CABECEIRA

Minas de cobre

Dende finais do século XIX sábese da presenza de cobre nos montes de Moeche e Cerdido, un aproveitamento mineiro que non pasou desapercibido para economía local ata mediados do século XX, cando se produciu o peche definitivo das minas. 

Hoxe en día quedan espalladas por estes dous concellos diferentes manifestacións da intensa actividade mineira, en forma de bocaminas, trincheiras e restos de distintas instalacións. 

En Mina Piquito – situada en Santa Cruz, Moeche- e en Mina Maruxa -A Barqueira, Cerdido-poden ollarse estalactitas e estalagmitas de cores azuis, verdes e brancas, producidas pola acción da auga que se filtra desde niveis superiores e tamén pola presenza de partículas de cobre. Tamén afloran nas vellas galerías sinais de xofre.

O fenómeno que se está producindo nas cavidades das antiga minas -denominado “espeleotema”- é o máis importante do noroeste peninsular e tamén un dos máis vistosos que se poden observar en todo o ámbito do proxecto do xeoparque.  Ademais, en Cerdido atopamos a cheminea de calcinación das Cabanas, unha xoia de comezos do século XX, ou os restos dunha ponte para vagonetas en Vilazanche.

Concellos: Moeche e Cerdido
Visitable: As minas da Barqueira non son accesibles en condicións mínimas de seguridade e polo tanto non se poden visitar. Si se pode ver en calquera momento a cheminea das Cabanas. A Mina Piquito pode accederse con visitas guiadas que o Concello de Moeche organiza durante o verán, posto que o resto do ano o chan da mina está totalmente asolagado. A entrada está limitada a un máximo de 10 persoas por grupo.
Outros datos: A ruta por Mina Piquito e o exterior das minas da Barqueira pode combinarse cunha visita ao castelo de Moeche, á Fraga dos Casás e, se hai oportunidade, facer unha visita ás canteiras de toelo ou “pedra de Moeche”, presente na arquitectura popular e relixiosa de toda a zona como elemento construtivo ou ornamental.

Comparte este contido

Facebook
Twitter
Email

Máis que ver

.

Unha viaxe a o interior da Terra

© Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol