Sin título-1_Original ratio_1920x1080_H_80

16 xeorrutas e 71 saídas durante o verán para coñecer a riqueza xeolóxica do proxecto

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on email
Email

Sete concellos compartindo territorio e un proxecto común. Ese é o espírito do Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal, que este ano tamén se traslada á planificación das xeorrutas estivais por medio dun programa conxunto e coordinado que percorrerá os recursos máis destacados da candidatura. A través da Asociación xestora do proxecto, Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, San Sadurniño, Ortigueira e Valdoviño ofrecerán 16 itinerarios de divulgación xeolóxica -e tamén natural e patrimonial- que se repartirán en 71 saídas en distintos días e horarios entre o 1 de xullo e o 14 de setembro, ambos días incluídos. Como novidade, a reserva para todas as xeorrutas do verán estará centralizada nun aplicativo ao que se pode acceder desde o apartado “Xeorrutas” desta mesma web. Todos os percorridos teñen un prezo único de 9€ por persoa.

As 16 xeorrutas ofrecerán unha visión xeral e asequible a todos os públicos sobre a riqueza e a exclusividade xeolóxica do ámbito do proxecto, que conta con 6 Geosites -lugares de interese xeolóxico de relevancia internacional- vinculados ao Complexo do Cabo Ortegal.

Ademais, canda eles, diseminados por distintos puntos da costa e do interior, hai identificados arredor dun cento de lugares de grande valor para comprender un capítulo fundamental da historia do planeta, o oróxeno varisco de hai uns 400 millóns de anos, que elevou á superficie materiais que habitualmente só se atopan no Manto terrestre. A maioría dos itinerarios xeolóxicos discorrerán polas zonas costeiras.

Así, indo de oeste a leste, en Valdoviño poderemos desfrutar da Xeorruta dos Cabos e da Xeorruta do Arsénicoobservando elementos tan destacados como os sistemas dunares, a Falla de Valdoviño -que chega até Monforte- e as antigas minas de arsenopirita onde mesmo apareceron cantidades significativas de ouro e prata. 

Seguindo camiño, xa no concello de Cedeira, teremos a exitosa Xeorruta das Praias Negras -a primeira do verán, o día 1 de xullo- que baixa a Teixidelo, ademais da Xeorruta dos Cantís, a Xeorruta do Cromo, a Xeorruta do Litoral e a Xeorruta do Granate, que nos mostrarán zonas cunha paisaxe abraiante e as curiosidades das formacións rochosas de anfibolitas, peridotitas e piroxenitas que tamén se apreciarán na Xeorruta do Limo, no Concello de Cariño, pola zona lindeira cos cantís de Herbeira. Neste municipio tamén está prevista a Xeorruta dos Aguillóns, que percorrerá -entre outros- o maior afloramento mundial de ecloxitas, un tipo de rocha formada a máis de 100 quilómetros de profundidade. 

O programa de percorridos divulgativos tamén toca o concello de Ortigueira. De feito, a Xeorruta dos Penidos é outro dos itinerarios obrigados e de referencia científica para observar as ecloxitas. Da outra banda da ría, na faixa costeira de Espasante e Loiba, o concello ofertaranos en distintas xornadas a Xeorruta dos Volcáns e a Xeorruta das Lavas, que nos permitirán facernos unha idea do intenso e violento vulcanismo da zona hai millóns de anos. 

Rutas do interior

Alén dos itinerarios litorais, o calendario estival de xeorrutas tamén reserva percorridos polos concellos do interior do proxecto. Así, Cerdido ofrecerá a Xeorruta do Cobre -compartida con Moeche- visitando as antigas instalacións mineiras do grupo mineiro dos Carrís / A Barqueira (clausuradas a finais da década dos 60 do século pasado) e descubrindo os fenómenos xeolóxicos que xeraron materiais ricos en cobre. 

Con esta temática, o Concello de Moeche organiza a Xeorruta por Mina Piquito, a máis curta de todas -menos de 2 km-, e unha das máis rechamantes do programa estival, xa que discorre polas galerías da antiga mina que hoxe se converteu nun dos espeleotemas máis espectaculares do noroeste peninsular. Tanto as minas de Cerdido como esta de Moeche, están sinaladas no catálogo do IGME como Lugares de Interese Xeolóxico pendentes de delimitación.

En Moeche tamén se extraeu toelo ou “pedra de Moeche”, unha serpentinita de grande vistosidade moi empregada na ornamentación construtiva de toda a comarca. A ela dedícase a Xeorruta do Toelo, que nos achegará ás antigas canteiras da Caleira, previo paso polo castelo, a igrexa de San Xurxo e os cruceiros, linteis e petos de ánimas que se esculpiron con este material semellante a un mármore veteado de cor gris ou verde escura. 

O paquete de itinerarios xeolóxicos complétase coa Xeorruta das Pías, en San Sadurniño, límite sur do Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal, percorrendo parte do val estrutural do río Castro e tamén o bloque granítico do Forgoselo, cheo de exemplos de bolos, pedras cabaleiras, pías, acanaladuras e tafonis que non se atopan en ningún outro lugar do territorio aspirante a obter a distinción da UNESCO.

Reservas en liña

O programa de xeorrutas, conducido polo Doutor en Xeoloxía Francisco Canosa, desenvolverase entre o 1 de xullo e o 14 de setembro, ambos días incluídos, alternando e repetindo percorridos -71 en total- para que ninguén quede sen oportunidade de participar no que máis lle apeteza ou incluso en todos.  As distancias que se percorrerán andan entre os 2 quilómetros da ruta máis curta (Mina Piquito) e os 8 das máis longas (as do Litoral e os Penidos). 

As duracións tamen varían (entre 2 e 6 horas) e a dificultade da maioría delas é media ou baixa, sendo a das Praias das Areas Negras (a baixada a Teixidelo) e a Xeorruta do Granate as únicas que requiren boa forma física por causa do desnivel e do estado dos sendeiros. O número de prazas dispoñibles oscila entre as 10 e as 20, dependendo do itinerario do que se trate. 

Este ano todas as reservas para as xeorrutas centralízanse nun aplicativo en liña en galego, castelán e inglés xestionado por Viaxes Galitur SL dentro da nosa web. O prezo é o mesmo para todos os itinerarios,  9€ por persoa que se deberán facer efectivos a través da pasarela de pago con posibilidade de cancelar e obter a devolución do importe até 24 horas antes da data sinalada. 

Cómpre lembrar, por último, que ademais das saídas organizadas polos sete concellos promotores do proxecto, a empresa de turismo activo Rutas Cedeira tamén volverá ofertar xeorrutas marítimasentre o peirao vello de Cedeira e o Cabo Ortegal, mostrando desde un punto de vista distinto lugares tan destacados como punta Candieira, a enseada das Cortes, Santo André, Teixidelo, Herbeira, os cantís do Limo ou os Aguillóns. Os horarios e datas poden consultarse semanalmente no seu Facebook, sempre pendentes do estado do mar.

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on email
Email